Saturday 04 de May de 2024

Estrea do documental Murmurios de silencio


 

Coincidindo co Día da Muller Rural o próximo martes oito centros escolares da comarca e o Pazo do Bidueiro proxectarán por primeira vez este documental. Nel dez mulleres da comarca vítimas da violencia de xénero comparten as súas vivencias

Coincidindo co Día da Muller Rural o vindeiro martes 15 de outubro estrearase o documental Murmurios de silencio. Un traballo que se recolle o testemuño de dez mulleres pertencentes á comarca de Ordes vítimas da violencia de xénero. Na súa propia voz explican de que xeito viron truncadas as súas vida por mor desta gran problemática social e de como son capaces de facer para levar a cabo un novo comezo.
Unha presentación que terá dous escenario ben diferenciados. Ao longo da mañá oito centros de secundaria da comarca proxectarán simultaneamente este traballo entre o seu alumnado. Xa pola tarde, concretamente ás 19.30 horas, o Pazo do Bidueiro (Ordes) será o escenario para o acto de presentación oficial ao cal están convidadas todas persoas que desexen acudir. Ademais de representantes dos sete concellos da comarca está confirmada a presenza da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, así como a da presidenta da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, Susana García.
O proxecto conta co financiamento da Secretaría Xeral de Igualdade e está promovido pola Asociación de Desenvolvemento da Comarca de Ordes (ASDECOMOR), en estreita colaboración co Centro de Inforamción á Muller da Mancomunidade de Ordes. Tamén hai que destacar a participación da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), do Fondo Social Europeo, da Asociación de GDR de Galicia, e a do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade.
“Somos testemuñas”
“Gracias a este documental todos e todas podemos ser testemuñas da dramática situación vivida por estas mulleres e o seu entorno máis próximo. Podemos adentrarnos na súa experiencia e na súa dor. Coñecer os medios cos que contaron para rachar con esta situación, como a denunciaron e como afrontan o futuro”, explica a Susana García. “Para cada unha destas vidas o longo inverno que levaban vivindo dende hai tanto tempo está chegando ao seu fin. Grazas a súa valentía as feridas están sanando e grazas á súa xenerosidade podemos compartir estas historias. Murmurios de silencio amosa os medios cos que contaron estas mulleres para romper coa situación. Como a denunciaron, moitas veces marcadas polo descoñecemento dos recursos de cercanía e coa desconfianza na xustiza. Explica o xeito no que viviron os cambios e como afrontan o futuro, tanto cos aspectos positivos como negativos” conclúe a recén nomeada presidenta da Mancomunidade de Ordes.

“O ámbito rural supón en moitas ocasións un espazo de cercanía, de coñecemento mutuo, de comunidade, pero tamén pode supoñer maior nivel de control e dominio das vítimas e, polo tanto, máis illamento e silencio”, tal e como se indica dende o CIM da Mancomunidade de Ordes, que tamén menciona o desenvolvemento económico, as novas tecnoloxías e as melloras do transporte como canles que achegas ao medio rural moitos dos recursos dispoñibles na contorna urbana. “Pero a pesares disto as aldeas seguen soportando carencias importantes e de oportunidades para as mulleres que padecen violencia de xénero. Son espazos repletos de historias de mulleres fortes e valentes, pero á par de mulleres sufridoras e silenciadas”.